A Lagoa de Antela

A Lagoa de Antela, que Madoz (1847) definiu como "pestilente charco", atopábase principalmente augas arriba da estrada N-525, ocupando unha gran parte daquela extensa chaira na intersección dos termos municipais de Sandiás, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio, Sarreaus e Xinzo de Limia.

Os lindeiros da lagoa eran pouco precisos e cambiantes (Risco, 1928; Otero Pedrayo, 1979) segundo a pluviometría anual. En canto á superficie lagoenta propiamente dita, Madoz (1847) sinala que "se ben noutro tempo puido ser maior, a súa extensión segundo a carta xeográfica de Galicia polo Sr. Fontán ten 1 legua de norte a sur e 1 1/4 de leste a oeste, con oito pés de profundidade no máis fondo". Unha analise actual do mapa de Fontán indica que a superficie representada como lagoa é de 2630 ha e que, tanto pola súa extensión como pola súa morfoloxía, reflicte unha situación de asolagamento intermedio. Pola súa banda Risco (1928) sinala "6 km de lonxitude de nordeste a sudoeste e 4 km de largura, con 3 m de profundidade na época das chuvias e 1 como máximo no estío"; Conde Valbís (1938) indica exactamente 302727653 m2, mentres que Dantín (1942) da a cifra de 5800 ha e Fernández (1967) indica "a desecación de 4000 ha asolagadas pola lagoa" aínda que despois manexa a cifra exacta de 3243,7 ha como solo "rescatado para o cultivo"; Taboada Chivite (1969) afirma que "a superficie estéril era dunhas 8000 ha con profundidade que variaba de 0,25 a 2 m e menor a zona lamacenta"; Rivas (1985) considera que a superficie da lagoa era de 4000 ha, cunha profundidade máxima de 3 m, e dunhas 12000 ha a zona intermedia; pola súa banda, Villarino et al. (2002) sinalan que a superficie delimitada como lagoa na primeira edición (1942-43) das follas cartográficas nº 226 e 264 do Mapa Nacional E 1:50000, do Instituto Geográfico y Catastral totaliza 3795 ha, ás que habería que engadir os terreos da contorna que se asolagaban nas enchentes.

Leyenda_FontanFontan_Antela

Lenda da "Carta Xeométrica de Galicia" e mapa da lagoa de Antela segundo Fontán (1845). Fotografías obtidas do mapa orixinal por cortesía da Misión Biolóxica de Galicia (Consello Superior de Investigacións Científicas).

Os aportes hídricos da lagoa de Antela procedían das chuvias e duns poucos regatos de curto percorrido e escaso caudal, procedentes das montañas circundantes e que desaparecían gradualmente na estación seca; tamén, segundo Madoz (1847), "das augas que nacen no seu fondo" e segundo Dantín (1942) "das resurxencias de fondo, testemuña das súas fallas". O desaugadoiro da lagoa facíase por un emisario duns 7 km de lonxitude coñecido como río de Antela e tributario do río Limia, que é o máis importante da comarca, ata o punto de darlle nome.

 

 

laguna rellena

 

Tendo en conta as características da depresión limiá (semiendorreica), as do marco montañoso de Antela (granítico) e as da propia lagoa (profundidade de 1 a 3 m), xunto coas análises que fixeron, Villarino et al. (2002) deducen que "a Lagoa de Antela era unha masa de auga doce, pouco estratificada, pH lixeiramente ácedo e con escasa concentración de sales minerais disoltas. Estas deducións aválanse tamén por indicadores biolóxicos, como a presencia só ocasional de Phoenicopterus ruber e Recurvirostra avosetta, aves características de augas salobres (Cramp e Simmons, 1977, 1983), e a abondosidade de Lepidurus apus, crustáceo branquiópodo propio de áreas con niveis medios de sulfatos e baixos de cloruros (Margalef 1982, 1983)."

En Antela existía unha grande variedade de hábitats acuáticos (González e Villarino, 2001): augas libres de pouca profundidade (2-5 m), permanentes ou estacionais, augas con vexetación acuática flotante (cabazas, Nymphaea e Nuphar; espiga de auga, Potamogeton; auganas, Ranunculus), grandes masas de macrófitas acuáticas emerxentes (xonza negra, Carex; xonza branca, Cyperus; xungos, Juncus; canas, Phragmites; beón, Scirpus; Sparganium; espadana, Typha), veigas asolagables con vexetación de herbáceas ou mato ralo e pastoreadas fora do período de enchentas, ripisilvas (amieiros, Alnus; bidueiros, Betula; freixos, Fraxinus; chopos, Populus; salgueiros, Salix; ulmeiras, Ulmus), ribeiras lamacentas e bancos de area.

Segundo González e Villarino (2001), a contorna de Antela era unha paisaxe agraria constituida por un mosaico de terras cultivadas e pasteiros con sebes arborizadas (pradairos, Acer; amieiros, Alnus; bidueiros, Betula; castiñeiros, Castanea; avelairas, Corylus; sangüiños, Frangula; freixos, Fraxinus; acibros ou picaporcos, Ilex; chopos, Populus; carballos, Quercus; salgueiros, Salix; ulmeiras, Ulmus) e arboredos dispersos (carballeiras, soutos, touzas e texos).