| WWW.ANTELA.ORG | antela@antela.org | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
O desougamento de 1956Malia que chegou a haber un proxecto de F. Conde-Valvís en 1937 (véxase Conde-Valvís, 1975) e un intento frustrado para conseguir a concesión por parte da empresa "Agrícola de Antela, S.A." (véxase Zapata Tejedor, 1967), a Lagoa de Antela sobreviviu durante a primeira metade do século XX a pesares das concesións, auxilios, subvencións (ata o 50% do orzamento) e exencións de impostos contemplados pola Ley de 24 de julio de 1918, promulgada por Alfonso XIII sendo Francisco Cambó o Ministro de Fomento, para "calquera Corporación particular ou Empresa domiciliados en España" que promoviese "a desecación e saneamento de lagoas, marismas e terreos pantanosos ou asolagables, sempre que a superficie saneada ou desecada fora superior a 100 hectáreas". Cabe deducir que as amplas facilidades oficiais non bastaron para atraer de novo á iniciativa privada a un proxecto para o desougamento de Antela, seguramente polas dúbidas acerca da rendibilidade económica e a viabilidade do proxecto á vista da serie de intentos fracasados ó longo do século XIX. "Resultando indispensable, polo tanto, a actuación do Estado", Francisco Franco promulgou a "Ley del 27 de diciembre de 1956 sobre saneamiento y colonización de la laguna de Antela, sita en la provincia de Orense" que encomendou "a conquista para a producción agrícola e gandeira dos terreos da lagoa de Antela" ó Instituto Nacional de Colonización, creado en 1939. A Lei de 27 de decembro de 1956 é breve (13 artígos, 113 líñas, 1528 palabras), salienta o interese agrícola e gandeiro da desecación, non fai referencia algunha a problemas de sanidade humana0, estima a superficie a desougar "nunhas 4000 ha" (sobreestimándoa en 750 ha), inclúe erróneamente a Porqueira na lista de concellos ós que pertence Antela, obvia calquera referencia ós valores ambientais e os aproveitamentos económicos tradicionais da lagoa que se perderían e, malia afirmar no seu preámbulo que establece "os preceptos necesarios para resolver o problema nos seus aspectos xurídicos e técnicos", céntrase nos primeiros e omite os segundos, que se pospoñen ata a delimitación da superficie a desougar e a elaboración do Plan Xeral de Colonización e do Plan Coordinado de Obras necesarias, a executar polos Ministerios de Obras Públicas e de Agricultura.
Os artigos da Lei de 27 de decembro de 1956 establecían a seguinte secuencia de actuacións:
Malia carecerse aínda da delimitación dos terreos a desougar, do Plan Xeral de Colonización e, polo tanto, do "Plan Coordinado de Obras necesarias para o saneamento e colonización da superficie delimitada" establecidos pola Lei de 27 de decembro de 1956, os traballos para o desougamento de Antela comezaron o 17 de setembro de 1958:
Noticias sobre o comezo das obras de desougamento de Antela publicadas nos xornais La Voz de Galicia (esquerda) e La Vanguardia (dereita) o 18-09-1958.
As obras comezáronse en base ó proxecto que o Instituto Nacional de Colonización encargou en xuño de 1957 ó Enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos Francisco Zapata Tejedor, quen o realizou no prazo esixido de dous meses, se ben facendo constar expresamente na memoria do proxecto que "pola premura de tempo e o limitado en recoñecementos do solo, a solución proposta era perfectible" e incluindo unha cita a Terzaghi acerca de que "a boa enxeñería esixe seguir o seguinte procedimento fronte ós problemas hidráulicos de solos: o proxecto execútase fundándose nos resultados dunha investigación, pero tendo o cuidado durante o periodo de construcción e, se é necesario, durante varios anos posteriores se efectúen observacións na obra, para determinar se, e ata qué punto, as condicións reais do solo difiren das supostas" (Zapata Tejedor, 1967). Do proxecto fíxose eco o opúsculo “Veinte años de paz en el Movimiento Nacional bajo el mando de Franco. Provincia de Orense" (Anónimo, 1959) nos seguintes termos: “Teniendo en cuenta todos los esfuerzos anteriormente realizados, fracasados en general por carencia de elementos, y el enorme interés político, económico y social que representa el rescate de los terrenos que constituyen la Laguna de Antela, el Gobierno del Generalísimo Franco promulgó la llamada «Ley de la Laguna de Antela» por la que se declaraba de Alto Interés Nacional la zona de la Laguna y se dictaban las normas por las que debía de regirse esta empresa.”
Esquerda: Esquema do proxecto de desougamento de Antela publicado en “Veinte años de paz en el Movimiento Nacional bajo el mando de Franco. Provincia de Orense” (Anónimo, 1959). Dereita: Sección de un canal-dren "Tipo B", o máis estreito.
De acordo con este documento (Anónimo, 1959) e o indicado por Zapata Tejedor (1967), barallouse a posibilidade de desougar Antela (situada a unha cota de 620 m s.n.m.) trasvasando o auga ó río Arnoia (cota 600 m s.n.m.) a traverso dunha serie de túneles, pero esta alternativa desbotouse polo seu maior custo e porque sustraería ó río Limia os aportes de auga de 162 km2 da bacia na súa cabeceira. Finalmente optouse por un proxecto para desougar Antela básicamente semellante ó que se levaba tentando executar dende os tempos do Correxidor Toubes (véxase Bedoya, 1831), 130 anos antes. O proxecto elaborado por Zapata Tejedor constaba de tres fases:
Planta para o desaugamento da Lagoa de Antela segundo o proxecto realizado en 1957 polo enxeneiro Francisco Zapata Tejedor.
Fotografías: Draga abrindo unha canle en Antela (esquerda) e canle principal de drenaxe da lagoa (dereita). Reproducidas do libro Martínez Carneiro, X.L. (1997) Antela, a memoria asolagada, por cortesía de Edicións Xerais. (www.xerais.com)
Fotografías: Obras de canalización no cauce do río Limia augas abaixo da confluencia do emisario de Antela aínda sen canalizar (esquerda) e despois da súa canalización (dereita). Reproducidas do libro Martínez Carneiro, X.L. (1997) Antela, a memoria asolagada, por cortesía de Edicións Xerais. (www.xerais.com)
Mentres as obras de desougamento avanzaban ata acadar en maio de 1962 o inicio do desougamento definitivo de Antela (se ben os traballos de encauzamento aínda estaban "case rematados" en 1963 segundo Zapata Tejedor, 1967), os tres meses previstos para delimitar os terreos a desougar convertíronse en case seis anos, ata que o Decreto 2336/1962, de 20 de setembro, aprobou a delimitación definitiva e fixou a superficie de Antela en 3243,76 ha, das cales 54,44 eran de propiedade particular, 2161,33 ha de propiedade particular e comunais "pero suxeitos a expropiación dacordo co artigo séptimo da Lei Especial da Lagoa" e 1027,97 de dominio público. No seu artigo 3, este Decreto reitera que "polo Instituto Nacional de Colonización se redactará o Plan Xeral de Colonización ó que se refire o artigo octavo da mencionada Lei Especial da Lagoa de Antela".
Nova sobre o remate das obras de canalización do emisario de Antela e comezo do desaugamento da lagoa, publicado no xornal catalán La Vanguardia o 11-05-1962.
Pero, malia o "recordatorio" do Decreto 2336/1962, houberon de transcorrer outros dez anos ata que o "Plan General de Colonización de la zona de interés nacional de la Laguna de Antela (Orense)" se aprobase mediante o Decreto 2144/1972, de 6 de xullo, case 16 anos despois de que se promulgara a "Lei Especial da Lagoa de Antela" e 14 anos despois do comezo das obras. Este Decreto recoñece que "Ata este momento... realizáronse diversas obras na zona, sen que se fixase aínda o réxime económico aplicable ás mesmas" e que "... precísase acometer a execución de novas obras e instalacións que complementen as xa executadas, para poder acadar a plena producción dos terreos saneados". De acordo co artigo 4 do Decreto, constan como rematadas as obras de "rectificación, encauzamento e defensa de marxes no río Limia"e"canal-dren", competencia ambas do Ministerio de Obras Públicas, mentres que ningunha das asignadas ó Ministerio de Agricultura consta como completamente executada. Ó admitir que se realizaran obras sen estar aprobado, polo Consello de Ministros, o Plan Xeral de Colonización, este Decreto recoñece implícitamente o incumprimento da Lei de 27 de decembro de 1956. Malia ser o autor do proxecto, Zapata Tejedor (1967) non fai referencia algunha ó orzamento inicial do mesmo nin ó importe dos fondos públicos finalmente investidos para executar as obras de saneamento e colonización de Antela ordenadas pola Lei de 27 de decembro de 1956. Polo tanto, para un seguemento económico do proxecto foi preciso recurrir ó orzamento inicial sinalado no opúsculo “Veinte años de paz en el Movimiento Nacional bajo el mando de Franco. Provincia de Orense" (Anónimo, 1959) e ás asignacións orzamentarias publicadas no Boletín Oficial del Estado; debido á dificultade e laboriosidade da busca dalgunha desta información no BOE, os datos que se ofrecen a continuación son aínda incompletos.
Descontando o importe das obras non executadas (encoro, canles de rega, expropiación e núcleos rurais), o orzamento contemplado polo proxecto de desougamento e colonización das 3243,7 ha de terras "rescatadas para o cultivo" ascendería a 281.198.787 pts do ano 1958. Mesmo sen considerar que ese orzamento, como os prazos de execución, sufriu o habitual desvío ó alza característico das grandes obras públicas e tendo en conta que entre 1958 e 2009 as rentas multiplicáronse por 37,8 de acordo coa "actualización de rentas co IPC xeral para periodos anuais completos" (Instituto Nacional de Estadística, http://www.ine.es/calcula), o investimento público a precios actuais sería cando menos de 63.774.609 €, é decir, alomenos 19.661 €/ha.
Artigo sobre os erros e desvíos orzamentarios "siderais" do proxecto de desougamento de Antela publicado no xornal catalán La Vanguardia o 18-09-1968, xusto dez años e un día despois do comezo das obras.
As obras de transformación agrícola de Antela, que escomezara o Instituto Nacional de Colonización, continuounas o Instituto Nacional para la Reforma y Desarrollo Agrario (IRYDA, creado pola Lei 35/1971 de 21 de xullo) que aplicou nas terras "rescatadas para o cultivo" as transformacións "a expensas do Estado" previstas na Ley de Reforma y Desarrollo Agrario, promulgada polo Decreto 118/1973, de 12 de xaneiro:
Fotografía: Cartel do IRYDA no cruce da canle principal de Antela coa estrada N-525.
Anos despois de que o IRYDA otorgara concesións provisorias ós agricultories beneficiados, en 1991 a Xunta de Galicia rematou o proceso de "rescatar para o cultivo" as terras da Lagoa de Antela ó adxudicar en propiedade as leiras, vendéndoas ós agricultores concesionarios a un prezo de 43.066 pts/ha a pagar en 15 anos, no canto dos 10 anos establecidos como máximo polo artigo 10 da "Lei Especial da Lagoa de Antela". Tendo en conta que entre 1991 e 2009 o IPC acumulado é dun 82,8% (Instituto Nacional de Estadística, http://www.ine.es/varipc/index.do) a devandita cantidade equivalería na actualidade a 472,35 €/ha, é dicir, un 2,40% dos fondos públicos investidos.
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||