| WWW.ANTELA.ORG | antela@antela.org | ||||||||
|
Fotografía aérea da Lagoa de Antela dende o sur-surleste, coa vila de Xinzo de Limia en primeiro plano. Reproducida do libro Martínez Carneiro, X.L. (1997) Antela, a memoria asolagada, por cortesía de Edicións Xerais. (www.xerais.com) SituaciónA Limia é unha extensa comarca, ben diferenciada e coñecida dende moi antigo, situada na parte centro-meridional da provincia de Ourense entre os 42º01'37'' e os 42º10'12" de latitude norte e entre os 7º34'10" e os 7º53'20" de lonxitude oeste. En canto á proxección U.T.M., A Limia atópase no fuso 29T e ocupa a meirande parte das cuadrículas de 100 km2 NG95, PG05, PG06, PG15 e PG16, así como unha franxa no sueste da cuadrícula NG96 e unha banda, de 1 km de largura, no extremo meridional das cuadrículas PG07 e PG17. Dende un punto de vista administrativo, a chaira de A Limia pertence ós concellos de Bande, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Sandiás, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio, Sarreaus, Trasmiras, Xinzo de Limia e Porqueira. A chaira de A Limia, cunha superficie aproximada de 30000 ha e unha altitude de 600-620 m s.n.m., está formada pola depresión morfotectónica semiendorreica da antiga Lagoa de Antela e os seus marcos montañosos. A depresión da Limia tén a forma aproximada dun "V", cun brazo principal de orientación NE-SO, polo que discorre o emisario principal de Antela, e un secundario de orientación E-O atravesado lonxitudinalmente polo río Limia. Xunto coas depresións de Maceda e Monforte de Lemos, A Limia forma parte da depresión meridiana da Galicia oriental, que ten unha morfoloxía fundamentalmente chaira, con drenaxe insuficiente, baixa capacidade de carga e perigo apreciable de asentos (IGME, 1974-1982). |
|||||||